A Rede de Bibliotecas de Galicia

Edificios da Rede de Bibliotecas de Galicia

A gran maioría das bibliotecas públicas existentes no territorio galego forman parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Esta é unha rede colaborativa na que se definen servizos e políticas bibliotecarias comúns, creada para desenvolver e planificar a oferta bibliotecaria pública. As bibliotecas integradas na Rede comparten un catálogo único e prestan servizos indistintamente a calquera persoa que dispoña do carné de biblioteca dunha das bibliotecas que forman parte dela.

Que bibliotecas forman parte da rede?

A rede está formada polas bibliotecas de titularidade estatal e xestión autonómica situadas no territorio de Galicia, así como por preto doutras 300 bibliotecas repartidas por todo o noso territorio e inscritas no Rexistro de Bibliotecas de Galicia. Estas últimas son, na súa maioría, dependentes de concellos ou entidades locais e, en menor medida, de entidades privadas. Solicitaron a súa integración e cumpren os requisitos técnicos necesarios para prestar o servizo. No Directorio de Bibliotecas de Galicia poden consultarse as bibliotecas integradas na rede.

Tamén forman parte dela as bibliotecas móbiles de Galicia, que prestan o seu servizo en concellos que non contan con espazos fixos e que, polo seu pequeno tamaño, non teñen a obriga legal de dispoñer deste tipo de equipamentos.

 

A quen lle corresponde a dirección e coordinación da rede?

A dirección e coordinación de Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia é responsabilidade da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.