Depósito legal

O depósito legal é a normativa que obriga a depositar nunha ou máis bibliotecas exemplares das publicacións editadas nun país.

Ten como obxectivo a compilación do patrimonio cultural e intelectual de cada país, co fin de garantir a súa conservación e poñelo a disposición da cidadanía, polo que debe ser contemplado como un ben democrático que asegura, tanto hoxe como para as xeracións futuras, o acceso ao legado cultural con fins de información e investigación.

Así, o depósito legal permítelle á Comunidade Autónoma de Galicia recoller exemplares das publicacións de todo tipo en calquera soporte, tanto tanxible como non tanxible, e destinadas por calquera procedemento á súa distribución ou comunicación pública, sexa esta gratuíta ou onerosa, co fin de preservar o seu patrimonio bibliográfico, sonoro, visual, audiovisual e dixital e facilitar o seu acceso con fins culturais, de investigación ou información.

Depósito legal

Por que ten que constituírse o depósito legal

Constituír o depósito legal ten as seguintes vantaxes:

  • É o medio máis seguro para preservar e legar ás xeracións futuras as obras obxecto de depósito.
  • Facilita a difusión da obra para garantir o dereito de acceso á cultura, á información e á investigación.
  • Permite recoller a información precisa para confeccionar as estatísticas oficiais sobre o patrimonio.
  • Posibilita que os centros de conservación describan o conxunto da produción bibliográfica, sonora, visual, audiovisual e dixital galega, co fin de difundila, e posibilitar o intercambio de datos con outras axencias ou institucións bibliotecarias españolas e estranxeiras.
  • Permite o acceso e a consulta das obras respectando a lexislación sobre propiedade intelectual.

O depósito legal en Galicia

A xestión do depósito legal en Galicia é competencia da Xunta de Galicia, que exerce a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en virtude das transferencias nesta materia realizadas pola Administración do Estado (Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo).

A Subdirección Xeral de Bibliotecas é o departamento encargado de coordinar e supervisar o cumprimento da lexislación do depósito legal, correspondéndolle ao Servizo da Biblioteca de Galicia a xestión das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de depósito legal (Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades).

Normativa legal

O depósito legal regúlase a nivel estatal a través da Lei 23/2011, de 29 de xullo, de depósito legal, modificada pola Lei 8/2022, de 4 de maio; e do Real Decreto 635/2015, de 10 de xullo, polo que se regula o depósito legal das publicacións en liña.

A nivel autonómico, en Galicia o depósito legal regúlase por:

  • O Decreto 43/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do depósito legal, en todo o que non se opoña ao disposto na lei estatal.
  • A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, que inclúe disposicións normativas sobre o depósito legal no seu capítulo VI. 
  • A Lei 5/2012, de 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, establece que a Biblioteca de Galicia ten a función de velar polo cumprimento da normativa do depósito legal.

A Lei 8/2022, de 4 de maio, pola que se modifica a Lei 23/2011, de 29 de xullo, de depósito legal actualiza a anterior normativa para adecuala ao actual escenario da creación cultural e editorial, incorporando novas tipoloxías documentais (como as publicacións de impresión baixo demanda, os catálogos comerciais de librerías, editoriais e poxas, os marcapáxinas ou os videoxogos, antes entendidos dentro dos documentos audiovisuais), e eliminando outras que carecen de valor bibliográfico nacional e poden ser conservadas por outros canles alternativos.

Entre as novidades destacadas proponse que no caso dos libros, prensa e revistas, o editor depositará, ademais dos exemplares impresos preceptivos, un exemplar dixital previo á impresión das publicacións en soporte físico, que será depositado polos editores no servidor dos centros de conservación, facilitando a consulta en ditos centros mediante o uso de medios seguros de acceso, respectando a lexislación sobre protección de datos de carácter persoal e propiedade intelectual.

En canto ao depósito legal das publicacións en liña, a modificación da súa regulación ten como obxectivo evitar confusións en canto a obriga do depósito legal e clarificar que a iniciativa non recae nos editores ou produtores, senón nos centros de conservación.

Que obras son obxecto do depósito legal

Son obxecto de depósito legal todo tipo de obras bibliográficas, sonoras, visuais, audiovisuais ou dixitais, producidas ou editadas en Galicia por calquera procedemento de produción, edición ou difusión, e distribuídas ou comunicadas en calquera soporte, tanxible ou intanxible.

O depósito legal na Comunidade Autónoma de Galicia comprende os seguintes tipos de publicacións e recursos, ou a combinación de varios deles formando unha unidade:

  • Libros e folletos en papel, calquera que sexa a súa forma de impresión, estean ou non destinados á venda.
  • Follas impresas con fins de difusión que non constitúan propaganda esencialmente comercial.
  • Recursos continuados tales como publicacións seriadas, revistas, anuarios, memorias, diarios, e recursos integrables, como as follas soltas actualizables.
  • As publicacións de impresión baixo demanda.
  • Partituras.
  • Láminas, cromos, naipes, marcapáxinas, postais e tarxetas de felicitación.
  • Catálogos comerciais de librerías, editoriais e poxas.
  • Carteis anunciadores e publicitarios, así como a propaganda electoral.
  • Mapas, planos, atlas, cartas mariñas, aeronáuticas e celestes.
  • Libros de texto de Educación Infantil, Primaria, Secundaria obrigatoria, Bacharelato e os de ensino de Formación Profesional.
  • Documentos sonoros.
  • Obras e documentos audiovisuais.
  • Publicacións electrónicas en calquera soporte tanxible, que o estado da técnica permita en cada momento.
  • Videoxogos, que incluirán todos os contidos dixitais, excluíndo os obxectos tridimensionais.
  • Todo tipo de publicacións en liña, tanto de acceso libre como restrinxido, xunto cos metadatos que inclúan, e as publicacións neles contidas.
  • Copia nova dos documentos íntegros, en versión orixinal, de toda película cinematográfica, ou outra obra audiovisual, realizada por un produtor con domicilio, residencia ou establecemento permanente no territorio español e un exemplar do material publicitario correspondente.
Exemplo de obras obxecto do depósito legal

Que obras están excluídas do depósito legal

Non son obxecto de depósito legal as seguintes publicacións en soporte tanxible:

  • Documentos das Administracións Públicas de carácter interno ou que resulten susceptibles de integración en expedientes administrativos.
  • Documentos de institucións e organizacións, incluídas as empresariais, que versen unicamente sobre asuntos internos e estean dirixidas ao persoal destas, tales como circulares, instrucións ou manuais de procedemento.
  • Publicacións destinadas a concursos de promoción ou traslado dos corpos ou escalas das distintas administracións públicas.
  • Selos de correo.
  • Impresos de carácter social como convites de voda e bautizo, necrolóxicas de defunción, tarxetas de visita, carnés de identidade, títulos ou diplomas.
  • Impresos de oficinas, formularios, incluídos os oficiais, cuestionarios e enquisas non cumpridas agás que complementen unha obra cuxo contido sexa técnico ou científico, por exemplo, un volume formado por unha recompilación de formularios que acompaña a un libro sobre procedemento administrativo.
  • Informes de prensa.
  • Publicacións comerciais publicitarias.
  • Catálogos comerciais de todo tipo, coa excepción dos catálogos de editoriais, librerías e poxas.
  • Calendarios e axendas.
  • Obxectos tridimensionais, aínda que acompañen un documento principal.
  • Manuais de instrucións de obxectos, electrodomésticos, maquinaria, ou análogos.
  • Todo produto dun sistema informático que conteña datos que afecten á privacidade de persoas físicas e xurídicas e cantos estean incluídos na normativa de protección de datos persoais.
  • Programas audiovisuais emitidos por prestadores do servizo de comunicación audiovisual, salvo que sexan obxecto de distribución.
  • Pasatempos, crucigramas, sudokus, sopas de letras e similares.
  • Estampas orixinais realizadas con calquera técnica.
  • Fotografías editadas.
  • Publicacións de impresión baixo demanda destinadas a distribución nun ámbito familiar.

Publicacións en liña obxecto de depósito legal

Son obxecto de depósito legal, xunto cos metadatos que inclúan, todo tipo de sitios web e as publicacións contidas neles (tanto de acceso libre coma restrinxido); calquera que sexa o procedemento de produción, edición ou difusión; calquera que sexa o soporte ou medio non tanxible polo cal sexan distribuídas ou comunicadas; calquera que sexa a localización física do servidor ou servidores a partir dos cales se difunden ás redes electrónicas; e calquera que sexa o dominio que albergue a publicación; sempre que conteñan patrimonio bibliográfico, sonoro, visual, audiovisual ou dixital de Galicia.

Depósito legal de obras en linguas cooficiais

Ademais dos exemplares que deben depositarse segundo o tipo de publicación, os suxeitos obrigados a constituír o depósito legal con sede social en Galicia que publiquen obras en linguas cooficiais doutras comunidades, deberán entregar na biblioteca ou centro de conservación designado por cada comunidade un exemplar máis do establecido segundo o tipo de publicación para ser conservado.

A Biblioteca de Galicia recibirá un exemplar de todas as publicacións en galego que se realicen en España. Este exemplar será depositado directamente polo editor ou suxeito obrigado ao depósito legal con sede social fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quen ten que solicitar e constituír o depósito legal

Nas publicacións en soporte tanxible 

Están obrigados a solicitar o número e constituír o depósito legal as persoas editoras con domicilio social en Galicia, calquera que sexa o lugar de impresión ou produción da obra.

No seu defecto, e segundo o tipo de publicación de que se trate, a obriga recae na persoa produtora, impresora, estampadora ou gravadora con domicilio social en Galicia.

 

Nas publicacións en soporte non tanxible 

Os suxeitos obrigados a constituír o depósito legal son as persoas editoras ou produtoras do sitio web onde se aloxen as publicacións en liña, consistindo dita obriga en permitir que o centro de conservación recolleite os seus contidos ou en facilitar o depósito legal das mesmas cando este o solicite.

Non se solicitará número de depósito legal para as publicacións en soporte non tanxible, e a iniciativa da súa recollida non recae nos editores ou produtores, senón nos centros de conservación.

Sancións

As infraccións das obrigas que establece a lexislación vixente son obxecto de sanción segundo o disposto na normativa autonómica. A imposición da sanción non exime da obriga de constituír o depósito legal.