A lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, prevé a existencia dunha imaxe corporativa común para toda a Rede, cuxa aprobación lle corresponde ao órgano administrativo de dirección e coordinación do Sistema Galego de Bibliotecas.
A imaxe da Rede, que identifica e dá coherencia a este sistema organizado de centros e servizos bibliotecarios, permite tamén visibilizar o carné único, que posibilita que cada titular de carné dunha biblioteca poida facer uso dos servizos de calquera outra biblioteca da Rede.
Mediante resolución da Dirección Xeral de Cultura aprobouse a actual imaxe da Rede de Bibliotecas de Galicia, en liña coa imaxe corporativa da Administración da Comunidade Autónoma, aprobada polo Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, dotándoa dun deseño máis sinxelo e actual, que serve como elemento distintivo da pertenza á rede e resulta facilmente recoñecible pola cidadanía.
Todas as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia deberán ter instalado nun lugar visible da súa entrada o distintivo da rede dacordo coa súa imaxe corporativa.
Ademais, aquelas bibliotecas integradas na rede que estean incorporadas ao sistema de xestión bibliotecario único fornecido pola Xunta de Galicia deberán empregar o modelo de carné único da Rede. A entidade titular ou xestora da biblioteca poderá personalizar o carné engadindo no anverso a identificación da biblioteca e o escudo, logotipo ou marca da entidade da que depende. O tamaño e características destes elementos de personalización deberán axustarse ao establecido no Manual de identidade.