I Mapa de Bibliotecas de Galicia

I Mapa de bibliotecas públicas de Galicia foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 19 de maio de 2016. Ofrece unha diagnose da situación das bibliotecas públicas por concellos e achegando propostas de actuación que contribúen a un mellor servizo bibliotecario para a cidadanía.

Para a súa elaboración partiuse do Censo de bibliotecas públicas de Galicia, unha recompilación de datos de cada unha das bibliotecas coa uniformidade necesaria para a posterior aplicación dos estándares do servizo bibliotecario, que ademais recolleu información sobre aspectos específicos considerados de importancia estratéxica para o desenvolvemento do servizo. 

Pola súa parte, os Estándares de bibliotecas públicas de Galicia establecen os recursos mínimos que deben ter os equipamentos bibliotecarios do sistema de bibliotecas públicas, en torno ás seguintes variables: espazo, equipamento (PC e puntos de lectura), fondo documental, persoal e horas semanais de servizo. 

O mapa constitúe unha ferramenta que permite establecer as necesidades de servizo bibliotecario de cada municipio, a partir da comparación entre a situación das bibliotecas nun determinado territorio cos estándares aplicables para cada concello, en función do seu tamaño.