O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia

O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, adscrito á consellaría competente en materia de bibliotecas, é o órgano colexiado consultivo da Administración autonómica nas materias relacionadas co Sistema Galego de Bibliotecas. A través del articúlase a cooperación entre as distintas administracións con competencias nesta materia.

Composición do órgano colexiado

O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia está composto por trece membros, coa seguinte distribución: 

  • A presidencia. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de bibliotecas.
  • A vicepresidencia. Será exercida pola persoa titular da secretaría xeral ou  dirección xeral competente en materia de bibliotecas.
  • A secretaría. Será exercida pola persoa titular da xefatura do servizo con funcións en materia do Sistema Galego de Bibliotecas.
  • 10 vogais: 
    • A persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de bibliotecas.
    • Un/unha bibliotecario/a da Biblioteca de Galicia. 
    • Un/unha bibliotecario/a en representación das bibliotecas públicas de titularidade estatal ou autonómica situadas dentro do territorio de Galicia.
    • Un/unha bibliotecario/a representante das bibliotecas de titularidade pública local
    • Un/unha representante das bibliotecas de titularidade privada integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
    • Un/unha representante das bibliotecas universitarias.
    • Un/unha representante das bibliotecas escolares de centros de ensino non universitario.
    • Un/unha representante das bibliotecas especializadas.
    • Un/unha representante das asociacións profesionais de bibliotecarios/as das existentes en Galicia. 
    • Unha persoa de prestixio no ámbito das bibliotecas e do patrimonio bibliográfico, por proposta do Consello da Cultura Galega.

As vogalías (agás a persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de bibliotecas, que ocupa este posto en razón do seu cargo) son nomeadas pola persoa titular da consellería con competencias en materia de bibliotecas, cunha duración de catro anos.

Funcións

Son funcións do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia:

      a) Actuar como órgano de información, consulta e asesoramento sobre as políticas bibliotecarias de Galicia.

      b) Propoñerlle ao órgano de dirección e coordinación do Sistema Galego de Bibliotecas a adopción de medidas para o mellor cumprimento dos seus fins.

      c) Informar sobre a integración das redes de bibliotecas no Sistema Galego de Bibliotecas.

      d) Potenciar e fomentar a cooperación e a participación no Sistema Galego de Bibliotecas.

      e) Emitir informe preceptivo sobre os anteproxectos de lei e de disposicións regulamentarias referidas ás bibliotecas, así como sobre o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

      f) Promover e articular a colaboración e coordinación na política bibliotecaria das diferentes institucións con competencias en materia de bibliotecas.

Regulación

O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia está regulado nos artigos 8 e 9 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia e no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.