Perfís e cualificación profesional

En 2009, no seo Consello de Cooperación Bibliotecaria constituíuse un Grupo de Traballo de Perfís Profesionais que ten encomendado, entre outros obxectivos, definir os perfís  profesionais do persoal bibliotecario do Sistema Bibliotecario Español coas súas correspondentes competencias.

Este grupo de traballo elaborou a relación e descrición de perfís, cuxa actualización foi aprobada en 2019. O documento pode descargarse gratuitamente en: Perfís profesionais do sistema bibliotecario español - fichas de caracterización

A relación de perfís profesionais pode ser de axuda para as entidades titulares de bibliotecas xa que facilita a elaboración das relacións de postos de traballo, axuda á descrición dos perfís necesarios, en función do seu ámbito, tipoloxía, poboación á que serve, servizos que presta e outras características, e pode servir de referencia para outros asuntos relacionados coa xestión do persoal.

En calquera caso, a aplicación desta relación de perfís debe ser moi flexible e, dependendo do tipo de biblioteca, os perfís descritos poden fusionarse ou dar lugar a outros aínda máis específicos.

Cualificación profesional

Acreditación de competencias profesionais para a Prestación de servizos bibliotecarios

O procedemento de acreditación de competencias profesionais permite obter unha certificación que avale as competencias profesionais desenvolvidas por aquelas persoas que non contan con titulación oficial que as acredite. Esta certificación é válida en toda España.

Máis información: Avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais.

A cualificación profesional "Prestación de servizos bibliotecarios" (Código: SSC611_3) é unha cualificación de nivel 3, está encadrada na área profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade e está composta polas seguintes unidades de competencia:

  • UC2594_3 - Informar ao usuario da biblioteca
  • UC2595_3 - Formar ao usuario da biblioteca
  • UC2025_3 - Desenvolver actividades de extensión cultural e bibliotecaria
  • UC2024_3 - Efectuar o servizo de acceso ao documento
  • UC2023_3 - Manter os fondos da colección da biblioteca

As características e contidos desta cualificación están recollidos no Real Decreto 151/2022, de 22 de febreiro, polo que se actualizan determinadas cualificacións profesionais das familias profesionais Hostalaría e Turismo, Marítimo-Pesqueira, Seguridade e Medio Ambiente, e Servizos Socioculturais e á Comunidade, recollidas no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Procedemento de acreditación

O procedemento de acreditación está regulado na Orde do 4 de xuño de 2021 pola que se regula, no ámbito do sistema educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral para unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais (código de procedemento ED517B).

Pódese solicitar a acreditación en todas as unidades de competencia ou nalgunha delas de xeito independente.

  • Vías de acceso

Existen dúas vías de acceso ao proceso de acreditación: mediante experiencia laboral ou a través da formación. Deberase optar por unha delas en cada unidade de competencia que se desexe acreditar.

No caso da experiencia laboral deberán xustificarse polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 15 anos. No caso de formación é preciso xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos. 

  • Fases

O proceso consta de dúas fases, ambas as dúas obrigatorias para poder xustificar a competencia profesional: unha fase de asesoramento, que poderá desenvolverse de forma presencial ou telemática, e outra de avaliación, que  terá por obxecto comprobar se a persoa solicitante demostra a competencia profesional requirida. Na avaliación poderase empregar a observación da persoa candidata no posto de traballo, simulacións, probas estandarizadas de competencia profesional ou a entrevista profesional.