Axuda

A APP DA REDE DE BIBLIOTECAS DE GALICIA 

Esta é a aplicación móbil da Rede de Bibliotecas de Galicia. Para usala só precisas ter o carné de calquera biblioteca da Rede e entrar co teu usuario e contrasinal.

Con ela podes levar sempre contigo todo o catálogo galego da biblioteca dixital de préstamo, GaliciaLe. Poderás consultar o catálogo, tomar en préstamo libros, revistas e audiovisuais, visualizalos en liña ou descargalos, de forma gratuíta a calquera hora do día e todos os días do ano.

Tamén incorpora un acceso directo á web de eBiblio e ao catálogo das bibliotecas físicas da Rede.

Ademais, o teu carné da biblioteca está agora no teu móbil. Con esta app, poderás acceder ao préstamo ou a calquera outro servizo da túa biblioteca sen necesidade de levar a tarxeta.

 

CATÁLOGO GALEGO DE GALICIALE

O "Catálogo galego" forma parte, xunto co "Catálogo do libro electrónico en castelán" (eBiblio Galicia), do proxecto GaliciaLe, plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia que fai posible a lectura e visionado de obras dixitais.

Desde calquera sección da app pódese acceder á páxina principal para realizar buscas no catálogo premendo na icona dos libros, na parte inferior esquerda da pantalla.

Como buscar un libro ou película: 

  • Directamente, seleccionando algunha das obras que se amosan nos carruseis da portada.
  • A través do buscador que aparece na parte superior da pantalla, introducindo unha palabra completa cun mínimo de tres caracteres. Podes buscar o termo en calquera parte da descrición, ou elixir buscalo só nun campo concreto ("autor", "título", "editor", etcétera).
  • Filtrando por categorías, mediante a icona da parte superior dereita da pantalla . Unha vez seleccionada unha categoría, esta icona cambia por outra, formada por tres liñas, que che permite continuar filtrando os resultados segundo a editorial, o ano, etcétera.

Unha vez localizado o libro ou película que che interesa, podes:

  • Previsualizalo.
  • Proceder ao préstamo.
  • Marcalo como favorito.
 

PRÉSTAMO

O número máximo de documentos do Catálogo galego que podes ter en préstamo simultaneamente é de tres libros e dúas películas. Unha vez que acades este límite, a opción de prestar deixará de estar dispoñible ata que devolvas ou caduque algún dos préstamos.

Estes préstamos son independentes dos que poidas ter a través da plataforma eBiblio (catálogo en castelán) ou dos que collas en calquera formato na túa biblioteca.

O tipo de obras ás que podes acceder dependerá de se tes un carné infantil ou adulto.  Os usuarios infantís non poden coller en préstamo obras destinadas a adultos, en tanto que estes últimos si poden acceder ás obras destinadas ao público adulto e infantil.

O catálogo do libro electrónico galego de GaliciaLe non permite a renovación dos préstamos. Se che caduca un préstamo e queres continuar véndoo, podes facer un novo préstamo sempre que o libro ou película estea dispoñible.

 

LER UN LIBRO OU VER UNHA PELÍCULA

Unha  vez prestado un libro, podes visualizalo en liña ou descargalo no teu dispositivo para velo sen conexión durante 21 días. Se o que prestas é un audiovisual, podes visualizalo en liña durante 48 horas.

Unha vez finalizado o período de préstamo, ou se o devolves anticipadamente, eliminarase automaticamente do dispositivo.

Tamén podes continuar a lectura alternando varios dispositivos. Porén, ter en conta que no caso de materiais en formato epub, as diferenzas de tamaño entre os dispositivos pode levar a que o punto de lectura semelle verse desprazado.

 

OS MEUS LIBROS

Premendo na icona da parte inferior dereita (andel), entrarás na sección Os meus libros, desde a que podes acceder aos materiais que tes actualmente en préstamo, aos teus favoritos e ao teu historial de préstamos nesta plataforma.

Desde Préstamos, premendo directamente no libro que che interese, comezarás a lelo no punto onde o deixaches. Premendo nos tres puntos que aparecen á dereita  podes obter información detallada do libro, descargalo (ou eliminar a descarga), engadilo ou eliminalo da lista de favoritos e devolver o préstamo.

Esta pantalla incorpora un acceso directo ao libro que estás lendo. Se pulsas Eliminar lendo agora desaparecerá este acceso directo, pero mantés o préstamo e podes acceder de novo a el a través da sección Os meus préstamos.

 

O CARNÉ. A MIÑA CONTA

Desde a icona da parte superior esquerda da pantalla entras no perfil de usuario, desde o que tes acceso directo ao carné. Pulsando na súa icona ábrese o código de barras que che permitirá acreditarte como usuario en calquera biblioteca da Rede de Bibliotecas de Galicia e usar as máquinas de autopréstamo, alí onde as haxa, sen necesidade de levar a tarxeta.

Podes ter sempre dispoñible o teu carné no círculo central da barra inferior da pantalla. Para iso, en Axustes, debes seleccionar a opción Barra inferior: mostrar carné ao premer o botón de inicio. Se desactivas está opción, no círculo central terás acceso ao último libro lido.

No apartado A miña conta podes comprobar os teus datos e realizar as seguintes accións:

  • Pechar sesión.
  • Cambiar o contrasinal de acceso.
  • Comunicarlle a túa biblioteca a perda do carné (tarxeta física). Aínda que non a necesites, porque podes identificarse con esta app, se advirtes que perdiches o carné debes comunicalo, para evitar incorrer en responsabilidades polo mal uso que terceiras persoas poidan facer del.
  • Solicitar a baixa do carné. Isto implica a perda definitiva do teu carné de usuario da Rede e o borrado dos teus datos (ver Política de privacidade).

 

MÁIS INFORMACIÓN E RESOLUCIÓN DE INCIDENCIAS

Se tes algunha dúbida ou problema co uso desta app, podes dirixirte á túa biblioteca da Rede de Bibliotecas de Galicia.