App da Rede de Bibliotecas de Galicia

Coa aplicación móbil da Rede de Bibliotecas de Galicia podes levar sempre contigo todo o catálogo galego da biblioteca dixital de préstamo, GaliciaLe. Para usala só precisas ter o carné de calquera biblioteca da Rede e entrar co teu usuario e contrasinal. Poderás consultar o catálogo, tomar en préstamo libros, revistas e audiovisuais, visualizalos en liña ou descargalos, de forma gratuíta a calquera hora do día e todos os días do ano. Tamén incorpora un acceso directo á web de eBiblio e ao catálogo das bibliotecas físicas da Rede. Deste xeito, o teu carné da biblioteca está agora no teu móbil. Con esta app, poderás acceder ao préstamo ou a calquera outro servizo da túa biblioteca sen necesidade de levar a tarxeta.

Catálogo galego de GaliciaLe

O "Catálogo galego" forma parte, xunto co "Catálogo do libro electrónico en castelán" (eBiblio Galicia), do proxecto GaliciaLe, plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia que fai posible a lectura e visionado de obras dixitais.

Desde calquera sección da app pódese acceder á páxina principal para realizar buscas no catálogo premendo na icona dos libros, na parte inferior esquerda da pantalla.

Préstamo

O número máximo de documentos do Catálogo galego que podes ter en préstamo simultaneamente é de tres libros e dúas películas. Unha vez que acades este límite, a opción de prestar deixará de estar dispoñible ata que devolvas ou caduque algún dos préstamos.

Estes préstamos son independentes dos que poidas ter a través da plataforma eBiblio (catálogo en castelán) ou dos que collas en calquera formato na túa biblioteca.

Banner de App Rede de Bibliotecas de Galicia

Os meus libros

Premendo na icona da parte inferior dereita (andel), entrarás na sección Os meus libros, desde a que podes acceder aos materiais que tes actualmente en préstamo, aos teus favoritos e ao teu historial de préstamos nesta plataforma.

Desde Préstamos, premendo directamente no libro que che interese, comezarás a lelo no punto onde o deixaches. Premendo nos tres puntos que aparecen á dereita  podes obter información detallada do libro, descargalo (ou eliminar a descarga), engadilo ou eliminalo da lista de favoritos e devolver o préstamo.

Esta pantalla incorpora un acceso directo ao libro que estás lendo. Se pulsas Eliminar lendo agora desaparecerá este acceso directo, pero mantés o préstamo e podes acceder de novo a el a través da sección Os meus préstamos.

 

O carné

Desde a icona da parte superior esquerda da pantalla entras no perfil de usuario, desde o que tes acceso directo ao carné. Pulsando na súa icona ábrese o código de barras que che permitirá acreditarte como usuario en calquera biblioteca da Rede de Bibliotecas de Galicia e usar as máquinas de autopréstamo, alí onde as haxa, sen necesidade de levar a tarxeta.

Descarga

A aplicación da Rede está dispoñible tanto para Android como iOS e podes descargala directamente nas súas respectivas plataformas. Para facelo escanea o código QR correspondente segundo o sistema operativo do teu dispositivo móbil ou accede a través das ligazóns que atoparas deseguido.

QR de descarga de App da Rede de Bibliotecas, dende Google Play e Apple Store
Descarga a app escaneando os códigos QR, para Google Play e Apple Store