Obradoiro a cargo de Bea Lema
Neste obradoiro confeccionaremos ilustracións con tecidos compostos coma se fose un collage para crear unha escena. Esta técnica xurdiu en Chile durante a ditadura militar e as pezas resultantes chámanse arpilleras. Estas obras eran realizados por grupos de mulleres que plasmaban no seu traballo, a modo de comunicación e denuncia, a búsqueda dos seus familiares detidos e desaparecidos, así como outras temáticas sociais durante a ditadura. Co paso do tempo esta forma de expresión estendeuse a outros países de América Latina como Perú, Ecuador ou Colombia.
Despois de coñecer a historia desta técnica, nos inspiraremos nas arpilleras populares para realizar o noso propio deseño. Empezaremos creando a ilustración que posteriormente será trasladada á tea. A partir dese momento escolleremos os apliques a utilizar, para rematar bordando pequenos detalles. No proceso aprenderemos diferentes tipos de puntadas e técnicas para crear a nosa arpillera.
Bea Lema é ilustradora e autora de cómic. Emprega o bordado e o tecido como soporte para trasladar as súas imaxes. En 2018 obtivo o XII Premio Castelao da Deputación da Coruña coa obra “O Corpo de Cristo” a súa primeira novela gráfica, un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena.
En 2022 foi becada para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia), unha iniciativa froito da sinerxia entre Acción Cultural Española, El Institut Français e a propia Maisons des Auteurs de Angoulême. O libro no que traballou, e que está baseado naquel primeiro cómic, foi publicado en Francia pola editorial Sarbacane baixo o título Des maux à dire e en España por Astiberri co título El Cuerpo de Cristo, e conseguiu o Premio do Público no Festival de Cómic de Angoulême 2024.
Actualmente traballa na adaptación deste libro a curtametraxe de animación.
No salón de actos. Obradoiro dirixido a 25 persoas de 14 a 99 anos. As persoas interesadas poden retirar o convite no mostrador de Información da biblioteca dende 30 minutos antes do comezo da actividade.