A cargo de Xulio Maside Rodríguez
A biblioteca cede o espazo á Asociación de Pacientes do CHUS para realizar a charla “Ética sanitaria e dereitos das persoas” que está a cargo do xenetista e profesor de Medicina Legal da USC, Xulio Maside Rodríguez.
Os principios morais dos pacientes son os principios morais do ser humano como tal, pero, no ámbito da sanidade, o seu estado de vulnerabilidade e dependencia desármao fronte á deriva produtivista e instrumental da atención sanitaria especializada. Este feito xustifica a existencia dun sistema legal de dereitos e dun catálogo ético da profesión médica e dos profesionais da sanidade. O seu fin último é garantir que esa condición de vulnerabilidade non sexa empregada para violentar os dereitos esenciais das persoas.
A relación médico/paciente ou enfermería/paciente non pode ser unha relación de poder, onde os detentadores do coñecemento prescinden da conciencia social e moral da persoa que vai en busca de atención. Non pode atentar contra a súa autonomía persoal para decidir sobre o seu propio corpo ou sobre o seu dereito a obter toda a información precisa que afecta ao seu estado. Non pode ignorar que, ademais de ser unha relación profesional, tamén é unha relación humana presidida polo principio de respecto mutuo. Non pode banalizar o principio de intimidade e dignidade expoñendo publicamente a vulnerabilidade física e psíquica do paciente ou tratándoo como un obxecto que pode ser colocado en calquera lugar. Os responsables sanitarios, que están sometidos aos mesmos principios éticos ca os profesionais en exercicio, non poden adoptar medidas organizativas que en nome da eficiencia expoñan os elementos máis íntimos das persoas en ámbitos administrativos alleos á relación clínica, ou convirtan o tempo de demora na atención nun acto burocrático desvinculado do seu impacto físico e emocional.
Se non se ten en conta a dimensión ética e moral da atención clínica, o abandono asistencial converterase nun problema de xestión afastado do sufrimento e a cura de enfermidades farase á custa de danar a propia percepción sobre nós mesmos e de violentar un dos valores esenciais do ser humano, que é a autonomía para mantérmonos como seres dignos.
No salón de actos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.