Mañás poéticas

Imaxe
17 de Xuño 2026, 10:30
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Arredor da obra de Federico García Lorca

Nova sesión das Mañás poéticas, unha lectura aberta e libre de textos de diferentes autoras e autores, que no mes de xuño dedicamos ao poeta Federico García Lorca.

Fillo dun propietario granadino e dunha mestra de escola, naceu en Fuente Vaqueros. Faleceu executado en Víznar, ás mans de persoas integradas no bando franquista. Sen xuízo previo, estaba acusado de espía de Rusia, de traballar como secretario de Francisco de los Ríos e de homosexual.

Trátase do poeta máis lido da literatura española. A súa formación comezou coa súa nai, en literatura e en música. En 1919 entrou na Residencia de Estudiantes, de Madrid, onde fixo amizade con Luis Buñuel e Salvador Dalí e comezou a súa carreira literaria.

Cara a 1929 entra nunha fonda depresión, pola incomprensión da súa familia da súa condición de homosexual, e tamén por se considerar atacado por persoas coas que rompera a amizade. Concretamente, consideraba que o título da película Un perro andaluz referíase a el. Realizada por Dalí ‒ con quen mantivera unha intensísima relación‒ e por Buñuel ‒que puxera un grande empeño para os separar‒, ten elementos que poderían aludir ao poeta. Nesta condición anímica emprende unha viaxe por Norteamérica, cunha bolsa de estudos. Da estadía en Nova York xorde o que a crítica considera o seu mellor libro, Poeta en Nueva York, publicado postumamente.

Coa Segunda República inicia un traballo intenso como director do grupo teatral ambulante La Barraca, co que percorre España. En Galicia estivo na Coruña, Compostela, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Baiona e Ribadeo. Mantivo unha intensa relación con Eduardo Blanco Amor e, axudado por este e por outras amizades de Galicia, publica en 1935 Seis poemas galegos, na Editorial Nós.

Na sala de tra ballo A do terceiro andar. A entrada é libre ata un máximo de 15 participantes.