Mostra Bibliográfica - Homenaxe a Xesús Alonso Montero

Imaxe
09 - 22 de Abril 2024, 9:00 - 21:00
Biblioteca Pública de Lugo

O IES Lucus Augusti, un dos institutos decanos de Galicia, organiza unha homenaxe a Xesús Alonso Montero que foi profesor nese centro entre os anos 1960 e 1975.

“Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) foi docente en Lugo entre 1960 e 1975. Ourensán de nenez, universitario en Madrid e posterior profesor de Universidade en Vigo e Santiago, referiríase sempre á súa etapa lucense como central na súa vida académica e persoal. En Lugo viu medrar os seus tres fillos, que aquí foron á escola e cursaron ou iniciaron os seus estudos de Bacharelato.

No instituto que hoxe leva o nome de Lucus Augusti, e máis na Escola Normal de Maxisterio, desenvolveu un labor docente dunha altura da que sempre deron fe os seus innumerables discípulos. Entre eles non faltaron os cultivadores das letras, que entón recibiron tantas clases maxistrais de lingua e literatura españolas nas que don Xesús ―así para sempre no recordo dos que sentaban nos pupitres― instruía o mesmo sobre a subordinación adverbial ca sobre a métrica do Mester de clerecía. Nunca esqueceu as súas raíces histórico-culturais e familiarizou aos seus novísimos alumnos coas cantigas de Martín Códax, coas inquedanzas de Rosalía ou algunha vez, cos factores que confluíron na rebelión irmandiña.

Mestre subversivo, incansable conferenciante e colaborador de prensa para seguir, e, para rematar, malia que tantos outros “factores” que naqueles tempos tamén adoitaban “confluír” en quen simplemente basease o seu ensino na liberdade de pensamento quixesen ―sen conseguilo― caracterizalo unilateralmente tan por baixo da súa dificilmente mensurable elevación intelectual e, sobre todo, humana.”

A Biblioteca Pública de Lugo súmase a esta mostra de respecto e agarimo recuperando e expoñendo as obras que Alonso Montero deu ao prelo mentres exercía en Lugo, as obras posteriores a esta etapa docente así como as novas que do seu maxisterio recolleu a prensa local mentres viviu na cidade amurallada.

Sala de exposicións da biblioteca