Espectáculo da man de Soledad Felloza
Espectáculo de narración oral escénica inspirado na obra e no pensamento de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026, cuxa escrita supón unha profunda relectura feminista dos mitos fundacionais e dos relatos herdados. A proposta sitúa a igualdade no centro da escena non como mensaxe pedagóxica, senón como mirada narrativa: quen fala, quen é escoitada e desde onde se constrúe o relato.
A través das historias, Morganas, Cirses, Penélopes e outras mulleres toman a palabra para contar a súa versión da historia. Personaxes tradicionalmente relegadas ás marxes dos relatos canónicos ocupan aquí o centro da narración, revelándose como mulleres que pensan, deciden, lembran e actúan. O espectáculo propón así unha revisión crítica do imaxinario clásico, ofrecendo referentes diversos e igualitarios sen renunciar á potencia poética do mito.
Concibido para espazos teatrais, o formato baséase na presenza da narradora, na palabra dita e na construción dun espazo simbólico a través da voz e do corpo. Os fíos aparecen como metáfora central: se na tradición foron símbolo de espera ou silencio, aquí transfórmanse en camiños, pontes e ás. Non todos os fíos son para tecer e destecer; tamén poden servir para escapar, para voar, para imaxinar outras vidas posibles. A escena articúlase arredor dunha materia mínima que se transforma coa narración. Os elementos escénicos non representan, suxiren; non decoran, activan imaxinarios. A súa lixeireza permite que o espectáculo se adapte a distintos espazos sen perder densidade simbólica, facendo da palabra e do corpo os verdadeiros motores da escena.
No salón de actos. Para público adulto. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.