Revistas, berce do cómic español e galego actual

Imaxe
07 de Marzo - 07 de Abril 2024, 12:00
Biblioteca Pública de Ourense

Día del Cómic y del Tebeo

Os anos 70 e 80 conforman a chamada época dourada das revistas de cómic para adultos en España. Coa relaxación da censura a principios dos 70, e a posterior caída do réxime franquista, o panorama do cómic no noso país puido poñerse ó día en forma de revistas. Estas incluían historias curtas, e partes doutras máis longas que continuaban nos números seguintes; material extranxeiro e moito nacional.

Foi unha excelente época para a creación. Tanto autores e autoras veteranos como noveis, puideron experimentar con temáticas e estéticas impensables de publicar ata aquel momento. Moitas destas persoas non se terían convertido nos profesionais que son hoxe sen estas publicacións. Igualmente, a súa mera existencia e lectura, marcaría vitalmente á seguinte xeración de historietistas.

Sen embargo, a finais dos anos 80, a maioría destas revistas desaparece. En parte, pola saturación do mercado, e en parte pola crise económica global que encareceu enormemente o prezo do papel e remata tamén con cabeceiras icónicas europeas e norteamericanas. 

Co gaio da celebración do Día del Cómic y del Tebeo o 17 de marzo, a biblioteca quere  realizar un pequeno percorrido por algunhas destas míticas revistas ás que tanto lles debe o cómic español actual. Ofrecemos ademáis unha selección de obras que apareceron no seu momento nelas, así como recopilatorios das propias revistas.

Do 7 de marzo ó 7 de abril na Comicteca / Espazo Xove.