Bolsas de formación en biblioteconomía para o período 2024-25

2024

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é a cualificación e formación técnica do seu persoal. Por iso, a través da Dirección Xeral de Cultura, organiza e convoca habitualmente cursos de formación para mellorar as competencias profesionais do persoal que presta servizo nos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia. 

Esta formación debe complementarse coa formación teórica e práctica de novos profesionais que pretenden ligar a súa vida profesional ás bibliotecas a través da convocatoria de bolsas formativas. Estes cursos deben permitir, non só a formación nas diversas áreas de traballo e servizos propios destes centros, senón tamén o contacto diario e directo dos bolseiros e bolseiras, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca, debidamente guiados por profesionais bibliotecarios, como medio de promoción profesional.