No DOG do 08.01.2026 publicouse a convocatoria das bolsas de formación en biblioteconomía para o período 2026-2027.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Cultura, desenvolve un plan de preparación de futuros profesionais para a Rede de bibliotecas de Galicia, a través da convocatoria de bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros da rede.
Esta actuación ten por obxecto proporcionarlles formación teórica e práctica a aquelas persoas que pretenden ligar a súa vida profesional ás bibliotecas, a través da formación nas diversas áreas de traballo e servizos propios destes centros, e tamén mediante o contacto diario e directo cos problemas e demandas reais dunha biblioteca, debidamente guiados por profesionais bibliotecarios.
Para o período 2026-2027 convócanse un total de 33 bolsas, distribuídas en sete centros bibliotecarios. Terán unha duración máxima de 13 meses.
Pode consultar nesta sección a Orde de convocatoria e un documento con respostas ás preguntas máis frecuentes. Igualmente se publicarán neste apartado as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas e a resolución da convocatoria.