Ábrese un período de consulta pública previa para a elaboración dun texto legal que substitúa a actual Lei 5/2012, do 15 de xuño, de Bibliotecas de Galicia.
As bibliotecas de Galicia están reguladas pola Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, que mantivo en gran parte a vixencia do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas. Sen embargo a situación das bibliotecas galegas mudou nestes últimos 13 anos e moito máis a xestión e os procedementos nos últimos 25. As bibliotecas convertéronse en espazos non só de acceso á lectura e á cultura para todas as persoas, senón tamén en lugares de convivencia social, de acceso libre e igualitario ao coñecemento e uns dos lugares onde se constrúen os novos valores democráticos.
Tendo en conta os cambios sociais nos dereitos de acceso á cultura e, en concreto á lectura, na xestión da información derivados da sociedade do coñecemento, da dixitalización e da IA, cómpre unha nova regulación das bibliotecas e o seu valor dentro do ecosistema cultural galego, do papel das institucións titulares e das profesionais bibliotecarias e bibliotecarios, que garantan os dereitos culturais, a diversidade, a accesibilidade universal á lectura, ao coñecemento e á información veraz e de calidade; así como a súa consideración como un ben público esencial que permiten e fomentan o acceso transversal á cultura e ao coñecemento.
Ao mesmo tempo, é necesario ampliar a regulación do patrimonio bibliográfico de Galicia e a súa preservación, xunto coa xestión do Depósito Legal, como elemento de conservación da produción bibliográfica, sonora, visual, audiovisual e dixital, producida ou editada en Galicia, ampliando a regulación que ata o momento realiza a Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia no seu Capítulo VII e o Capítulo VI da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, respectivamente.
Deste xeito preténdese protexer o noso patrimonio fronte aos riscos de desaparición ou o esquecemento; regular os dereitos e obrigas das institucións e dos seus titulares para fomentar a súa preservación, o seu acceso universal e gratuíto a través de novos sistemas que permiten, non só identificalo, conservalo e difundilo, senón tamén enriquecelo a través de novos recursos semánticos, capaces de enlazar datos para mostrar informacións más amplas, accesibles, veraces e de maior calidade.
Como primeiro paso para a elaboración desta nova norma, cómpre consultar a cidadanía e as organizacións potencialmente afectadas sobre as necesidades que se pretenden solucionar, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, obxectivos e alternativas, de acordo co artigo 41 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (redacción dada polo artigo 43 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas).
Con esa finalidade, desde o día 3 de decembro de 2025 e ata o 3 de xaneiro de 2026 estará aberto o período de consulta pública previa sobre esta iniciativa.
Calquera persoa ou organización interesada pode presentar as súas achegas, propostas e opinións a través do Portal de Transparencia da Xunta de Galicia (https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/consulta-publica-previa)