Premio Lazarillo 2018 de creación literaria
A galega Andrea Maceiras gaña o Premio Lazarillo 2018 de Literatura Infantil e Xuvenil na modalidade de creación literaria.
A escritora coruñesa acadou o premio coa obra Rusgalía, en palabras do xurado, unha obra ben urdida e estruturada cunha linguaxe poética con fermosas escenas que che transportan a un mundo galáctico, unha aposta pola imaxinación desbordante e a ciencia ficción.
Este galardón é o máis antigo na literatura infantil e xuvenil, convocado polo extinguido Instituto Nacional do Libro Español en 1958 coa fin de estimular a creación de bos libros para nenas e nenos e para a xuventude. Desde o ano 1986 é a OEPLI Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil a encargada de convocalo anualmente co patrocinio do Ministerio de Cultura e Deporte nas modalidades de creación literaria e álbum ilustrado.
O premio está dotado con 3000 euros en cada unha das súas modalidades.
As premiadas na categoría de álbum ilustrado foron Paloma Corral e Begoña Oro pola obra Un fuego rojo.
Desde Galix Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil destacan que son xa 16 as escritoras e escritores galegos galardoados con este premio.