Premio IX CNBP ao mellor video en poboacións de máis de 100.000 habitantes
A Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo acadou o premio ao mellor vídeo de poboacións de máis de 100.000 habitantes no IX Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas, celebrado en Logroño os pasados días 28, 29 e 30 de novembro, co seu vídeo Reflexións.
Como ven sendo habitual, no marco do Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas, organízase un concurso de vídeos sobre a temática do congreso en colaboración coa SEDIC (Sociedade Española de Documentación en Información Científica). Este ano os vídeos debían poñer o acento na reflexión sobre as persoas que traballan e participan nas bibliotecas, a preparación necesaria dos bibliotecarios, os modelos e fórmulas para xestionar con eficacia e éxito os equipos das bibliotecas e as súas formas de conectar do mellor xeito posible coa comunidade e en particular con colectivos especiais e específicos.
O premio contou con 3 categorías:
- Bibliotecas en poboacións de máis de 100000 habitantes
- Bibliotecas en poboacións entre 5000 e 100000 habitantes
- Bibliotecas en poboacións de menos de 5000 habitantes.
O premio consiste en licenzas de formación en liña para o persoal bibliotecario das bibliotecas gañadoras durante o ano 2019 en cursos organizados pola SEDIC e cursos organizados pola Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura e Deporte.
Os outros dous premios recaeron no vídeos El curioso caso del BR da Biblioteca Menendez Pelayo de Castropol e no video Biblioterapia para mayores da Biblioteca Municipal de Soto del Real.
Desde aquí queremos recoñecer o esforzo de todo o persoal da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo polo seu constante traballo en prol da igualdade de oportunidades, e trasladar a nosa felicitación por este importante recoñecemento. Noraboa compañeiros!