Certame “Bibliotecas que inspiran”: aberta a convocatoria para recoñecer as mellores iniciativas bibliotecarias de Galicia

Imaxe
Data de publicación

O 10.07.2026 comeza o prazo de presentacións de solicitudes.

No Diario Oficial de Galicia de hoxe, 9/07/2026, publícase a ORDE do 23 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2026 (código de procedemento CT237A).

Trala boa acollida da pasa edición, este certame ten como propósito central promover, poñer en valor e difundir os proxectos e actuacións máis destacadas das bibliotecas públicas e axencias de lectura municipais da nosa comunidade. Buscamos aquelas iniciativas que constitúan unha boa práctica de xestión, que redunden nun mellor servizo directo á cidadanía e que logren dinamizar a lectura e o acceso á cultura cun impacto positivo e transformador no seu contorno. O obxectivo é que estas ideas de éxito sirvan de inspiración e exemplo para o resto de centros da Rede.

Para garantir unha participación equilibrada que se adapte á realidade demográfica do noso territorio, mantéñense as dúas categorías establecidas en función da poboación:

  • Entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes.
  • Entidades locais de máis de 10.000 habitantes.

Cada unha das categorías estará dotada cun premio en metálico de 3.000 € e un diploma conmemorativo que recoñecerá oficialmente a calidade da iniciativa galardoada.

Prazos de presentación O prazo para que as entidades locais presenten as súas candidaturas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG, polo que o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de agosto.