Entregados os premios do Certame Bibliotecas que inspiran

Imaxe
Data de publicación

Resultaron galardoadas a Biblioteca Pública Municipal Luís Seoane de Soutomaior e a Biblioteca Pública Municipal A. Castelao de Betanzos

O 28 de outubro tivo lugar en Santiago de Compostela a entrega dos premios ás gañadoras do Certame Bibliotecas que inspiran na súa convocatoria 2025. 

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude entregou os diplomas ás premiadas e gabou “a entrega e paixón dos premiados para achegar a biblioteca a toda a veciñanza”

O proxecto Biblioverán 2023-2025 da Biblioteca Pública Municipal Luis Seoane de Soutomaior foi o premiado na categoría de entidades locais que conten cunha poboación de ata 10.000 habitantes. A proposta pretende facer da biblioteca un centro de desenvolvemento cultural para a comunidade en espazos abertos ao aire libre na época estival. A creación de lazos interxeracionais e a sustentabilidade son dous dos piares desta iniciativa.

Paseos librescos foi o proxecto galardoado na categoría de entidades locais de máis de 10.000 habitantes presentado pola Biblioteca Pública Municipal A. Castelao de Betanzos. A iniciativa é un exemplo de posta en valor do patrimonio histórico e cultural, de colaboración entre institucións e de achegamento a toda a cidadanía e visitantes. 

O acto de entrega tivo lugar durante a Xornada Internacional de Bibliotecas Públicas Galicia-Norte de Portugal Máis alá da prescripción. Mediación, lectura e bibliotecas, na que se abordaron cuestións como as novas canles de mediación lectora, as diferentes formas de acceder aos libros na era dixital, as estratexias para atraer novos públicos e as mellores prácticas para fortalecer a lectura crítica, o pracer lector e a función social das bibliotecas.