Presentouse o programa de actividades coa participación de Concepción Paz Penín
Hoxe, na Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal, tivo lugar a presentación do programa de actividades coas que se celebra o Mes da ciencia nas bibliotecas públicas que xestiona a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e as tres furgotecas que dan servizo en concellos de Lugo e Ourense programaron máis de 60 actividades ao longo de todo o mes de novembro, entre obradoiros, exposicións, contacontos, conferencias e experimentos dirixidos a todas as idades.
Con esta iniciativa, na que tamén participan as bibliotecas escolares e os equipos de dinamización da lingua, trátase de fomentar en todas as persoas, especialmente nos nenos e nas nenas, a curiosidade científica e o interese por aprender, ademais de salientar o valor da lingua galega para as disciplinas científicas.
No acto de presentación participou a enxeñeira industrial Concepción Paz Penín, quen salientou a importancia de manter viva
a conexión entre academia, industria e sociedade, e o papel que teñen as bibliotecas para facilitar "que o coñecemento circule, que a ciencia se comparta e que máis persoas participen activamente, proporcionando as ferramentas para seguir aprendendo, cuestionando e creando".