«Sen profesionais, non hai bibliotecas»
O vindeiro 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas baixo o lema «Sen profesionais, non hai bibliotecas». Por este motivo, o Consejo de Cooperación Bibliotecaria (CCB) pon en marcha a campaña #Orgullobibliotecario, unha iniciativa nas redes sociais que ten por obxectivo visibilizar, recoñecer e reivindicar o labor das persoas que traballan nas bibliotecas, así como darlles voz.
Desde hoxe e ata o 24 de outubro, o CCB invita estes profesionais a compartir que significa para eles o seu traballo e que lles achega formar parte deste eido profesional. A iniciativa pretende converter as redes nun espazo para poñer en común experiencias, motivacións e reflexións sobre unha profesión diversa e esencial para a sociedade.
Quen queira sumarse a esta proposta pode publicar unha mensaxe en LinkedIn ou X respondendo a algunha destas preguntas: Que é o que máis valoras da túa profesión? Que te levou a escoller a profesión bibliotecaria? Que cres que achega o teu traballo á túa comunidade e á sociedade? Que significa para ti ser bibliotecario ou bibliotecaria? Todo iso baixo o cancelo #Orgullobibliotecario.
A mensaxe pode ir acompañada dalgunha fotografía da biblioteca, do espazo de traballo ou de calquera imaxe que represente o día a día e que axude a contar a experiencia persoal de cada participante.
No caso de Instagram, ademais de poder publicar unha resposta a algunha das preguntas anteriores co cancelo #Orgullobibliotecario, a participación desenvolverase tamén mediante o formato «Agora ti» nas Stories. O CCB, a través da súa conta de Instagram, poñerá á disposición dos usuarios un modelo que poderán completar e compartir nas súas propias Stories, animando outros profesionais a continuar coa iniciativa.
Durante todo o mes, o CCB fará un seguimento deste cancelo e dará visibilidade ás achegas recibidas a través das súas propias canles.