O Día da Ilustración 2025, que se celebrará o 30 de xaneiro, homenaxeará este ano ao artista multifacético Xosé Vizoso

Imaxe
Data de publicación

Bibliotecas e Escolas de Artes e Superior de Deseño xa teñen programadas numerosas actividades para conmemorar este día e ao seu homenaxeado.

Ademais do cartel que dá imaxe a esta efeméride, realizado polo ilustrador Luís Sendón, a Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) teñen programadas un variado elenco de actividades que se realizarán nas bibliotecas fixas e móbiles de xestión autonómica, nas EASD e en diferentes espazos culturais, así como a través da web de AGPI. Entre as actividades destaca a mostra bibliográfica Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Esta mostra estará dispoñible do 30 de xaneiro ao 12 de maio e nela poderase coñecer a ampla traxectoria deste artista imprescindible da nosa cultura. A súa traxectoria e compromiso coa creatividade tamén se pode coñecer a través do vídeo realizado en colaboración con AGPI por Alberto Guitián e Manuel Silva. A programación das bibliotecas da Xunta completarase con obradoiros, contacontos, mostras bibliográficas, conversas entre profesionais do sector e exposicións.

Pola súa parte, as actividades programadas por AGPI pódense coñecer na web específica do DI25 https://agpi.es/xose-vizoso-no-dia-da-ilustracion-2025/.

Con esta serie de iniciativas, a Xunta de Galicia quere render unha homenaxe a Xosé Vizoso, un dos grandes ilustradores e deseñadores de Galicia. Vizoso destaca polo seu talento para a pintura, a escultura, a cerámica, o muralismo, o deseño editorial e o cartelismo. Se ben en todas as súas facetas artísticas o debuxo é o elemento no que se sustenta cada un dos proxectos. Así mesmo, con este evento anual quérese subliñar tamén a relevancia da ilustración como medio artístico, a súa importancia para o fomento da lectura e para o mundo do libro, ao mesmo tempo que se valoriza o traballo e a creatividade dos profesionais que, a través da súa arte, enriquecen a nosa cultura. 

Vídeos