Certame “Bibliotecas que inspiran”, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia

Imaxe

O Certame “Bibliotecas que inspiran” pretende promover e difundir os proxectos e actuacións realizadas nas bibliotecas públicas ou axencias de lectura municipais de Galicia que constitúan unha boa práctica de xestión bibliotecaria, redunden nun mellor servizo á cidadanía, sirvan para promover e dinamizar a lectura e o acceso á cultura e teñan un impacto positivo na comunidade, co obxecto de que poidan servir de inspiración e exemplo a outros centros bibliotecarios.

Poden optar a este premio as entidades locais de Galicia que sexan titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, con iniciativas que teñan por obxecto a promoción da lectura, especialmente entre as persoas con maiores dificultades de acceso ou con menor hábito lector; o fomento da aprendizaxe ao longo da vida e da adquisición de competencias informacionais e dixitais; a redefinición dos servizos ou dos espazos para mellorar a accesibilidade e favorecer o acceso á cultura para todas as persoas; a posta en funcionamento de novos servizos ou redeseño dos existentes; a innovación metodolóxica, organizativa ou tecnolóxica para o mellor desempeño das funcións e prestación dos servizos; a recuperación, preservación e divulgación da produción cultural de interese para Galicia, especialmente do ámbito local; a difusión da biblioteca e dos seus servizos; ou a a promoción da igualdade, participación cidadá, cohesión social e atención á diversidade.

Establécense dúas categorías, unha para municipios de ata 10.000 habitantes e outra para concellos cunha poboación superior. Cada categoría estará dotada cun premio de 3.000 € e un diploma que recoñecerá a iniciativa premiada.

O día 28 de outubro de 2025 tivo lugar a entrega dos diplomas, no marco da 1ª Xornada internacional de bibliotecas públicas Galicia-Norte de Portugal que se celebrou na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Resultaron galardoados os seguintes proxectos: 

1. Na categoría de entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes

  • Biblioverán 2023-2025, da Biblioteca Pública Municipal Luis Seoane do Concello de Soutomaior.

Este proxecto pretende facer da biblioteca un centro de desenvolvemento cultural para a comunidade en espazos abertos ao aire libre na época estival.

A Comisión de valoración destacou especialmente o achegamento da biblioteca á comunidade, incluso a aquelas persoas que non acoden habitualmente, o que mellora significativamente a accesibilidade e a calidade dos servizos prestados. Este esforzo por ofrecer o servizo bibliotecario en horarios máis amplos e fóra do espazo físico da biblioteca ten un grande impacto entre os veciños.

A Comisión tamén valorou as actividades de animación á lectura para público infantil, con persoal cualificado que non só involucra as familias, senón que tamén abarca a poboación xuvenil e adulta. Este enfoque interxeracional busca fomentar a lectura e a participación activa de toda a comunidade, o que enriquece a experiencia cultural e educativa.Ademais, o proxecto sobresae polo seu carácter sostible, ao aproveitar recursos naturais como as sombras naturais e o mobiliario urbano para crear espazos ao aire libre atractivos e accesibles. Esta proposta, que mellora a experiencia do usuario, tamén contribúe á creación dun servizo itinerante de difusión cultural sostible, facendo un uso responsable dos recursos do contorno.

Finalmente, a Comisión destaca a replicabilidade do proxecto, xa que considera que o modelo pode ser facilmente adaptado e posto en marcha noutros lugares, aumentando así o seu impacto positivo en diferentes comunidades.

2. Na categoría de entidades locais cunha poboación de máis de 10.000 habitantes

  • Paseos librescos, da Biblioteca Pública Municipal A. Castelao do Concello de Betanzos.

A comisión destacou especialmente a capacidade deste proxecto para implicar a cidadanía, levando a cultura á rúa e facendo da biblioteca un espazo máis visible e dinámico. Esta deixa de ser un lugar exclusivamente de acceso aos libros para converterse nun verdadeiro centro activo de difusión cultural.

Un dos aspectos máis valorados é o impacto social. A mostra e a ruta estarán abertas a toda a cidadanía, o que permite que tanto veciños como visitantes poidan gozar dunha experiencia única de interacción coa cultura e a memoria de Betanzos. Con isto, foméntase a lectura e achégase a historia e o patrimonio local dun xeito accesible, atractivo e participativo. Tamén se destaca a estratexia de difusión nas redes sociais e nos medios de comunicación locais. Isto permitirá maximizar a visibilidade do proxecto e asegurar que chegue a un público amplo. Ademais, a actividade ten potencial para atraer novos socios á biblioteca, o que é clave para o seu crecemento e continuidade.

A posibilidade de adaptar este modelo noutras bibliotecas é outro punto forte, xa que permite replicar a experiencia noutras comunidades.

Por último, a colaboración activa entre entidades e institucións reforza o carácter colectivo da proposta, favorece o intercambio de recursos, coñecementos e experiencias, promovendo unha coordinación eficaz que enriquece a iniciativa facendo desta un esforzo compartido en beneficio da comunidade.

En resumo, a comisión considera que esta iniciativa supera as expectativas ao combinar lectura, patrimonio e participación colectiva e cidadá. Crea unha experiencia educativa, enriquecedora e aberta a toda a comunidade de Betanzos. 

A Comisión destacou tamén que nesta convocatoria presentáronse proxectos de gran interese, cada un con características únicas e meritorias. Salientou e valorou especialmente o esforzo, a creatividade e o espírito de traballo e dedicación mostrados en todos os proxectos presentados. A perspectiva única de cada biblioteca participante, así como o empeño e compromiso do seu persoal, foron claramente evidentes e merecen un recoñecemento especial.

Agradecemos a participación de todas as bibliotecas e animamos a todas a continuar creando espazos e oportunidades de difusión para dar a coñecer o valor da cultura, así como para fomentar o interese por ela, pois son estas iniciativas as que enriquecen as nosas comunidades e fortalecen a relación entre a cultura e a cidadanía.