O I Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia ten por obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.
O galardón está dotado cun único premio de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora, e foi entregado no marco da I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia que se celebrou o 26 de outubro de 2018, ao proxecto "O berberecho Rebecho viaxa a La Turballe", da Biblioteca Pública Municipal de Camariñas.
A comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2018 destaou que se trata dun proxecto "innovador e orixinal centrado na súa contorna, que aproveita a oportunidade que supón o irmanamento do concello de Camariñas coa poboación francesa de La Turballe. Con este proxecto a biblioteca funciona como centro de aprendizaxe o longo da vida achegando aos seu usuarios outras linguas, dando a coñecer a cultura francesa, outras realidades do país veciño moi semellantes as súas, a súa literatura, a súa forma de vida e a gastronomía. Busca poñer en valor e cultivar a identidade local de carácter mariñeiro, o coñecemento do patrimonio histórico e da cultura local. Cabe destacar tamén o establecemento de nexos de unión entre as dúas vilas e a creación e promoción de sinerxias atlánticas". Así mesmo, a comisión salientou que a posta en marcha deste proxecto "comporta un impacto socioeconómico en tanto que promociona os produtos da zona e fomenta o coñecemento exterior do concello de Camariñas. É un exemplo da variedade de accións que se poden levar a cabo dentro dunha liña ben definida que dá consistencia ao proxecto, do esforzo e o bo traballo levado a cabo con poucos recursos e que sería extrapolable a outras bibliotecas".
Para finalizar, a comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2018 destacou positivamente "o esforzo e a vocación de servizo de todas as bibliotecas candidatas e do seu persoal, polo seu amor á profesión e a súa dedicación á comunidade de usuarios e usuarias á que prestan servizos."