O II Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia ten por obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.
O galardón está dotado cun único premio de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora, e foi entregado na II Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia que se celebrou o 21 de outubro de 2019, ao proxecto "Mapa literario de Vigo", da Biblioteca Pública Municipal de Vigo Neira Vilas.
A comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2019 destaou "a orixinalidade e a creatividade deste proxecto, que fomenta a lectura e a literatura galega a través do local e do coñecemento dos barrios e da comunidade á que presta servizo a biblioteca. Empregando como fío condutor aquelas obras literarias que teñen como escenario a cidade de Vigo, o proxecto logra a implicación dos lectores e da cidadanía no seu conxunto. Paralelamente, Mapa literario de Vigo constrúe un itinerario físico que segue ese mesmo fío condutor onde a descrición do escenario adquire un valor artístico e achega información sobre a o autor, o estilo, a época e o xénero da obra. O proxecto consegue, ademais, a implicación tanto dos creadores literarios como dos sectores culturais e sociais vigueses". A comisión salientou, así mesmo, "as achegas que fai o Mapa literario de Vigo: por un lado, a potenciación económica da cidade por medio das visitas guiadas e, por outro, o seu aproveitamento no eido da educación. A todos estes elementos, engádese a dificultade técnica do proxecto (emprego de novas tecnoloxías e deseño gráfico), así como o crecemento potencial que se deriva do mesmo, tanto polas achegas dos propios lectores, como por outras aplicacións que poden desprenderse del".
Para pechar, a comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia tamén quixo agradecer "o esforzo, a vocación de servizo, a creatividade e a dedicación á comunidade de todas as bibliotecas candidatas e do seu persoal."