A Biblioteca Social
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Cultura, convoca a III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, baixo o lema A Biblioteca Social. Esta actividade terá lugar no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura en Santiago de Compostela) o vindeiro día 25 de outubro.
Para poder asistir é preciso inscribirse previamente a través do seguinte formulario A biblioteca social | III Xornada de bibliotecas públicas de Galicia | Cidade da Cultura dispoñible desde o 18/10/2021 ata o 22/10/2021, ás 00.00 h. As prazas cubriranse por orde de inscrición dando prioridade ao persoal das bibliotecas públicas da Rede de Bibliotecas de Galicia.
A xornada retransmitirase en directo e poderá seguirse a través da canle da Cidade da Cultura en Youtube, no seguinte enderezo: III Xornadas de bibliotecas públicas de Galicia | A biblioteca social - YouTube
Contidos
Logo de que, en 2019, a II Xornada de bibliotecas públicas de Galicia se centrase nas bibliotecas inclusivas, poñendo a atención sobre a accesibilidade e a atención ás persoas con discapacidade, nesta edición tratarase de completar esta mirada á función integradora das bibliotecas baixo outro punto de vista. Trátase agora de abordar o seu papel para a integración e cohesión social, facilitando a participación cidadá e a solidariedade.
Con este obxectivo, preténdese revelar e ofrecer novas perspectivas en torno ás seguintes áreas:
- A biblioteca inclusiva e integradora: trátase de visibilizar a capacidade da biblioteca para funcionar como centro integrador, mediante a prestación de servizos e a posta en marcha de programas orientados a persoas desfavorecidas, pertencentes a minorías ou con dificultades de integración social.
- A biblioteca como espazo de relación interxeracional: as condicións de vida actuais non favorecen a convivencia entre distintas xeracións, e as persoas maiores corren o risco do empobrecemento das súas relacións e de illamento. As bibliotecas poden contribuír a reducir esta separación a través de espazos e actividades que favorezan o intercambio e a convivencia.
- A biblioteca aberta e participativa: a biblioteca pode erixirse en centro cultural e social de referencia na comunidade, a través da relación, cooperación e coordinación con outros centros e institucións activos na contorna. Ao mesmo tempo, pode contribuír á construción dunha sociedade máis madura, consciente e integradora facilitando a participación cidadá e a consolidación de relacións sociais positivas, a través da colaboración con diversos colectivos e institucións.
A Xornada pecharase coa entrega do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2021.
Desenvolvemento da xornada
- 9.30. Recepción
- 10.00. Benvida e apertura da xornada
- 10.15. Relatorio. A biblioteca solidaria
- David Martínez Ayllón. Biblioteca Pública de Cuenca
- 11.00. Mesa de experiencias. A biblioteca participativa e aberta a todas as idades
- Antonio Díaz Grau. Biblioteca Pública de San Javier (Murcia)
- Ana Isabel Alonso López. Biblioteca Pública Enrique Rivera Rouco das Pontes de García Rodríguez (A Coruña)
- Mónica Carballo Quiroga. Biblioteca Pública do Saviñao (Lugo). Colectivo Lemos Le.
- Francisco Montoto Veira. Centro Interxeneracional de Ourense.
- 12.00. Pausa café
- 12.30. Mesa de experiencias. A biblioteca inclusiva e integradora
- Juan Sobrino García. Biblioteca Pública de Soto del Real (Madrid)
- Mar García Pérez. Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo (Pontevedra)
- Vicente Rodríguez Justo. Biblioteca Pública de Verín (Ourense)
- Santiago González Avión. Asociación Diversidades
- 13.30. Entrega do Premio á innovación bibliotecaria 2021
- 13.45. Conclusións e peche