1ª Xornada Internacional de bibliotecas públicas Galicia – Norte de Portugal
Que papel teñen as bibliotecas públicas na promoción da lectura? A primeira Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia e do Norte de Portugal, organizada no marco do Proxecto Nortear, quere poñer en valor o traballo esencial das bibliotecas neste ámbito. Esta iniciativa transfronteiriza propón reflexionar sobre a mediación lectora, un eido no que os profesionais desempeñan un papel insubstituíble.
O traballo dos bibliotecarios vai moito máis alá de prestar libros. Son prescriptores de lectura: orientan, recomendan e acompañan as persoas lectoras con rigor, sensibilidade e coñecemento. Son tamén mediadores culturais, capaces de derrubar barreiras, fomentar o diálogo e crear comunidade arredor da palabra. A súa intervención é clave para incrementar o hábito lector e mellorar a calidade da lectura, mediante a recomendación, a crítica e a participación activa das persoas lectoras.
Nesta xornada abordaranse cuestións como as novas canles de mediación lectora, as diferentes formas de acceder aos libros na era dixital, as estratexias para atraer novos públicos e as mellores prácticas para fortalecer a lectura crítica, o pracer lector e a función social das bibliotecas. Será un espazo para compartir experiencias, descubrir proxectos innovadores e reflexionar sobre o futuro da mediación lectora no ámbito público.
Durante a xornada tamén se celebrará a entrega dos Premios Bibliotecas que inspiran 2025, recoñecendo iniciativas que destacan polo seu impacto e creatividade na promoción da lectura. Ademais, toda a sesión poderá seguirse por streaming a través da canle de YouTube da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal da AECT.
Consulta o programa completo aquí.
Información práctica
- A asistencia é de balde previa inscrición na ligazón que se inclúe máis abaixo.
- Estas xornadas son de especial interese para o persoal da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
- No apartado OBSERVACIÓNS, cada persoa inscrita deberá indicar o seu DNI e a biblioteca que constitúe o seu centro de traballo.
- Para asistir á sesión de tarde, é necesario elixir un dos tres obradoiros.