Roteiro con Manuel Gago
Neste ano 2026 cúmprense 100 anos da edición da Guía de Galicia de Ramón Otero Pedrayo, a publicación máis coñecida e difundida do ilustre polígrafo ourensán. A Guía de Galicia formou a varias xeracións de galeguistas no coñecemento do seu país, nunha época na que o propio territorio galego era moi descoñecido para os seus habitantes. A Guía presta unha gran atención ás cidades e en especial, a Santiago de Compostela, que Otero Pedrayo consideraba o núcleo espiritual de Galicia. En diferentes momentos da súa vida, Otero viviu, conversou e sobre todo paseou a cidade, recollendo non só os coñecementos artísticos e arquitectónicos sobre ela senón tradicións, anécdotas e pequenas historias que se destilan na Guía e no resto da súa obra. Este roteiro propón percorrer o Santiago de Compostela máis querido por don Ramón, desde os seus espazos vitais, a súa interpretación dos grandes fitos da cidade e os seus lugares máis queridos.
Para 25 persoas de 14 a 99 anos. As persoas interesadas poden retirar o convite no mostrador de Información da biblioteca dende 30 minutos antes do comezo da actividade.