Espazos de Asorey en Compostela

Imaxe
25 de Setembro 2026, 17:30
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Roteiro da man de Mercedes Espiño

Santiago de Compostela acolle o maior conxunto de pezas do escultor Francisco Asorey (Cambados, 1889 - Compostela, 1961). Na capital galega, onde residiu desde 1918 ata o seu pasamento, téñense identificado e localizado polo menos 66 das súas creacións. Trátase de pezas de moi diversa índole: desde monumentos públicos, como o dedicado a San Francisco, ata obras de carácter privado pero accesibles á cidadanía, como as conservadas na Facultade de Medicina ou no Pazo de Fonseca, sen esquecer as numerosas pezas integradas en coleccións particulares.

A través dos chamados espazos de Asorey, este itinerario propón un percorrido por recunchos composteláns onde as súas obras dialogan coa contorna, revelando tanto pezas sobranceiras que a miúdo pasan desapercibidas coma lugares intimamente ligados á súa traxectoria vital.

Con este roteiro reivindícase o forte vínculo de Compostela con Asorey, un dos escultores galegos máis universais e senlleiros do século XX. O traxecto inclúe paradas tan significativas como o petador do Pazo de Vaamonde, as placas conmemorativas a Bernardo Barreiro de Vázquez Varela e a Enrique Mayer, a tumba do cardeal Martín de Herrera, o monumental conxunto de San Francisco ou o capitel e o escudo do Hotel Compostela.

Mercedes Espiño Amil é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Medio. Activista da lingua e do ensino, ao longo da súa carreira obtivo importantes recoñecementos de innovación educativa. En 2007 foi galardoada co segundo premio na V Edición do certame Educacompostela polo seu Programa de acollida do alumnado estranxeiro. Así mesmo, en 2011 logrou o primeiro premio á innovación educativa da Consellería de Educación (na modalidade de fomento do plurilingüismo) pola proposta Espazos recuperados en Santiago de Compostela.

Na súa faceta bibliográfica e divulgativa, coordinou, adaptou e publicou diversas obras didácticas e teatrais. Colaborou activamente en cabeceiras como Andaina (revista do Movemento Feminista Galego), Raiola (do Centro Galego de Vitoria-Gasteiz), a Revista Galega de Educación, a Gran Enciclopedia Gallega, o semanario Sermos e o xornal Nós Diario. Entre as súas publicacións destacan o libro Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro (2021), editado pola Agrupación Cultural O Galo e o Concello de Santiago de Compostela e a colaboración no artigo homenaxe a Isaac Díaz Pardo no blog colectivo Unha manda de pezas para Isaac (2020).

Para público xuvenil e adulto. Máximo 25 participantes. As persoas interesadas poden retirar o convite no mostrador de información da biblioteca dende 30 minutos antes do comezo da actividade.