Programa Ler conta moito 2024 para a dinamización da lectura

Imaxe
2024

Programa para a dinamización da lectura nas bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Ler conta moito ten como obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.

Con este programa preténdese fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión; e consolidar a programación compartida da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade.

O catálogo Ler conta moito 2024 incorporará actividades de dinamización bibliotecaria e cultural que se porán á disposición dos titulares de bibliotecas públicas, co obxecto de que poidan seleccionalas para a súa programación de dinamización da lectura durante o ano promovendo así a mellora da oferta, a igualdade de acceso e a transparencia.