Impacto económico e social da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Imaxe
Xeral
Acceso restrinxido
Non

O obxectivo deste estudo é amosar o valor que lle achegan á sociedade e á economía da Comunidade Autónoma os servizos bibliotecarios da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Trátase de poñer en coñecemento da poboación o valor destes servizos, que se ofrecen de forma gratuíta.

Partindo da análise de datos estatísticos e da realización de enquisas tanto a persoas usuarias dos servizos bibliotecarios como a persoas non usuarias, a través do método de cálculo do retorno do investimento (ROI), estimouse un beneficio de entre 3,85 € e 6,53 € por cada euro investido.

A cifra de retorno mínimo calcúlase a través da metodoloxía de asignación de prezos de mercado (APM) e indica que, por cada euro investido na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, a cidadanía obtén servizos que no mercado terían un valor de 3,85 €. 

A cifra de retorno máximo calcúlase a través da metodoloxía da valoración continxente (VC), é dicir, o que as persoas usuarias estarían dispostas a pagar polos servizos bibliotecarios en caso de que se prestaran a través dunha empresa privada.

A conclusión deste estudo é que os servizos bibliotecarios públicos son un investimento rendible dende o punto de vista económico. O retorno xerado e que recibe o conxunto da cidadanía como consecuencia deste investimento é positivo. 

Ademais, o informe confirma a boa consideración dos servizos ofrecidos polas bibliotecas públicas galegas e a súa importancia desde o punto de vista social. Case a totalidade da poboación galega opina que as  bibliotecas son un espazo de encontro e convivencia para a comunidade o que contribúe á cohesión social e ao benestar das persoas.

En resumo, os resultados avalan, unha vez máis, a importancia das bibliotecas públicas na sociedade, debido a que xeran un impacto positivo tanto en termos sociais como económicos.

Ademais do informe, deseñouse unha ferramenta dinámica que permite calcular o valor dos servizos que ofrecen as bibliotecas. Así, a cidadanía pode coñecer o valor económico dos servizos bibliotecarios que usa.

Ofrece a valoración económica dos servizos bibliotecarios dos que goza unha persoa usuaria da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia de xeito individual. A través do método de asignación de prezos de mercado, asígnase o custe destes servizos se a persoa usuaria tivese que obtelos fóra da Rede.

Con esta ferramenta pódese coñecer o valor económico de calquera biblioteca introducindo os seus datos, de xeito que tamén é útil para determinar o impacto económico dunha biblioteca ou unha rede.