O III Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia ten por obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.
O galardón está dotado cun único premio de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora, e foi entregado ao proxecto "Biblioteca accesible. Un proxecto de integración social da Axencia de Lectura Municipal de Bóveda".
A comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2020 Salientou, entre outros aspectos, o valor deste proxecto no que a biblioteca pública se constitúe nunha institución integradora, a través da lectura, de toda cidadanía e, moi especialmente, daqueles usuarios e usuarias con diversidade funcional. Así mesmo, destacou o seu papel catalizador e de cohesión social mediante a colaboración con outras institucións e axentes da contorna e co resto da comunidade á que atende a biblioteca.
Para finalizar, a comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2020 fixo unha mención especial ás iniciativas presentadas noutros proxectos desta edición, nas que queda patente a capacidade de resposta da biblioteca pública ante unha situación sobrevida como é a da pandemia por COVID-19. A variedade e amplitude das actividades que se desenvolveron son unha mostra indiscutible do papel destas institucións como ferramentas de apoio social á comunidade.