O IV Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia ten por obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.
Na súa IV edición, o galardón estivo dotado cun único premio de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora e foi entregado na III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia celebrada o 25 de outubro de 2021 á Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela (Redondela) polo proxecto "Unha biblioteca para Xela".
A comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2021 salientou o valor do proxecto pola "oportunidade de propoñer programación de difusión da obra e da figura da escritora Xela Arias, homenaxeada este ano nas Letras Galegas, ao tempo que se dá a coñecer a biblioteca pública municipal de Redondela que leva o seu nome" e "utilizando a radio como base, os medios audiovisuais e as redes sociais" Así mesmo, "valórase a capacidade para coordinar un proxecto moi completo, coherente e ambicioso, ben executado, que implica a distintos sectores sociais, culturais e empresariais, mesmo a familia da homenaxeada. Cómpre destacar a importante repercusión que tivo na poboación, o seu impacto no uso bibliotecario e na difusión aos medios. Non se pode deixar de resaltar tamén a impecable e completa presentación do proxecto. En definitiva, é un proxecto que conxuga innovación e excelencia na súa concepción, nos recursos innovadores utilizados e no esforzo na súa difusión".
A comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2021 fixo unha mención especial ao proxecto presentado pola Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia "Viaxa coa lectura da man do voluntariado do Corpo Europeo de Solidariedade", polo "inmenso traballo, esforzo, dedicación e profesionalidade da bibliotecaria que cos recursos ao seu alcance conseguíu elaborar un proxecto orixinal e moi atractivo, cun obxectivo claro de fomentar a lectura e a curiosidade, creando materiais e recursos novos, coherentes e moi atractivos. Establecendo complicidades con colectivos e institucións diferentes e achegándose a toda a comarca."