VII Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

Imaxe

O VII Premio á Innovación Bibliotecaria distingue os mellores proxectos levados a cabo nas bibliotecas e axencias de lectura municipais, valorando o seu traballo á hora de crear e fidelizar lectores, así como para impulsar accións orixinais que contribúan a reforzar as competencias lectoras e dixitais da cidadanía.

Vai dirixido aos concellos que sexan titulares de bibliotecas ou de axencias de lectura públicas integradas na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia e premia proxectos ou boas prácticas relacionados co fomento da lectura, a aprendizaxe ao longo da vida e a adquisición de competencias dixitais, a posta en funcionamento de novos servizos ou a redefinición dos existentes e a difusión da biblioteca e dos seus servizos. Todos eles deben orientarse a buscar resultados positivos e ser axeitados ao contexto local, ademais de innovadores e sostibles no tempo.

Establécense dúas categorías, unha para municipios de ata 10.000 habitantes e outra para concellos cunha poboación superior, dotados cun premio de 3.000 euros cada unha, así como un distintivo de biblioteca innovadora que os centros gañadores poden colocar nun lugar visible da biblioteca, no seu blog, páxina web ou outros recursos dixitais. 

Os galardóns de ambas as dúas categorías foron entregados o 11 de novembro de 2024, no marco da 6ª Xornada de Bibliotecas Públicas, celebrada na Cidade da Cultura, e recoñeceron os seguintes proxectos:

1. Na categoría de entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes

  • Anímate a tecer, da Biblioteca Pública Municipal Tomás de Liberio de Entrimo                

O obxectivo deste proxecto é crear unha rede social que, a través da cultura,  chegue a diferentes colectivos (persoas maiores, nenos e nenas) e recupere a cooperación, a comunicación, a sensación de sentirse parte dun grupo e a colaboración entre xeracións. Con carácter semanal leváronse a cabo reunións nas que se compartiron coñecementos sobre gancho e punto e realizáronse labores en común. Mentres as persoas tecían, unha persoa lía en voz alta, e logo xerábanse conversas en torno ao lido.

Cos traballos creados elaboráronse agasallos de Nadal para as persoas das residencias de maiores, para as que se organizou unha actividade festiva, así como adornos para engalanar as rúas do pobo.

Valorase positivamente a capacidade da biblioteca para xerar interese pola lectura en persoas que non usan a biblioteca nin teñen hábito lector, á vez que contribuíu a conservar saberes tradicionais, a reforzar os lazos comunitarios e as relacións interxeracionais; a facilitar a integración de persoas migrantes, a loitar contra a soidade e o illamento e favorecer a socialización nun concello de carácter eminentemente rural, de reducida poboación e gran dispersión xeográfica. O deseño da actividade fixose desde unha perspectiva local, a partir da análise das necesidades e das potencialidades da comunidade na que se integra a biblioteca. Con este proxecto a biblioteca reivindícase como epicentro da vida cultural e social do concello, e que, mediante as actividades que se levaron a cabo nas residencias de maiores e nas rúas contribúese á súa visibilización máis alá dos seus muros.

2. Na categoría de entidades locais cunha poboación de máis de 10.000 habitantes

  • Ler para saber: a ciencia, da Biblioteca Central de Rialeda de Oleiros

Trátase dun proxecto de divulgación científica levado a cabo coa colaboración de centros educativos e profesionais de institucións científicas. Inclúe un programa de charlas e obradoiros sobre distintos temas relevantes e de actualidade, impartidos por persoas expertas. Ademais, en cada sesión, un grupo de alumnos e alumnas expoñen un traballo realizado sobre o tema que se vai tratar, e o persoal da biblioteca presenta unha selección bibliográfica e recomenda lecturas.

O seu obxectivo principal é facer accesible a toda a poboación, en especial ao público adolescente e mozo, o coñecemento científico, para fomentar o pensamento crítico e a creación de opinións fundamentadas, ademais de atraer público á biblioteca e fomentar a lectura e a circulación dos fondos con que conta o centro.

Salientar que a raíz dunha das actividades publicouse un libro sobre o edificio da Biblioteca Rialeda e as especies vexetais do seu xardín, que combina información botánica con poemas de escritores e escritoras galegas.

Valorase especialmente a iniciativa de acercar e difundir a ciencia entre a cidadanía como forma de xerar pensamento crítico e de promover o interese pola ciencia entre as nenas.

Destacar a orixinalidade e diversidade dos temas científicos propostos, que conseguen atraer e fidelizar o público con formatos dinámicos e prácticos. Especialmente relevante é a alta participación de público adolescente, por ser un grupo de idade, en xeral, máis difícil de vincular ás bibliotecas.

Valórase tamén a implicación de persoas e institucións alleas á biblioteca, pero que comparten o seu interese pola ensinanza e a divulgación científica, e que colaboraron de forma altruísta e desinteresada.

Apreciase a forma na que se promoveu a lectura e a difusión do fondo bibliográfico, realizando mostras de interese e recomendacións de lectura de cada un dos temas tratados; así como a capacidade creativa e a difusión do patrimonio cultural e natural da biblioteca, a través da publicación dun libro. 

Mención especial ao proxecto 

Obxectivo: memoria local, da Biblioteca Municipal de Ortigueira, polo importante labor de investigación e concienciación social realizado na biblioteca dunha pequena localidade a través da recepción de legados persoais.

Valora se moi positivamente que desde a biblioteca se puxesen en contacto con Galiciana, xa que para a memoria cultural de Galicia as coleccións de fondo local resultan de vital importancia e axudan enormemente no dificultoso labor de recuperar cabeceiras de xornais, que completen así as súas coleccións hemerográficas. Destacase, así mesmo, o importante traballo de difusión levado a cabo, así como a concienciación social acerca do valor do patrimonio cultural local  e a importancia de conservalo.