Álvaro Pombo, Premio Cervantes 2024

Imaxe
15 de Novembro 2024 - 07 de Xaneiro 2025, 9:00 - 21:00
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Mostra bibliográfica

Álvaro Pombo (Santander, 23 de xuño de 1939), licenciado en Filosofía pola Universidade de Madrid e Bachellor of Arts polo Birberk College de Londres, cidade na que residiu entre 1966 e 1977. Recoñecido novelista, tamén cultiva o ensaio e a poesía con obras como Protocolos ou Hacia una constitución poética del año en curso. Debuta na narrativa en 1977 con Relatos sobre la falta de substancia. Tras máis de 50 anos de oficio, Álvaro Pombo é gañador de múltiples premios literarios tales como o Herralde (1983) pola novela El héroe de las mansardas de Mansard e o Premio Nacional de la Crítica (1990) por El metro de platino iridiado, obra na que comeza a exercer o que el mesmo denomina a “Poética do ben” na que os personaxes, ante o ben e o mal, representan ideas, tipos, patróns ouro ou patróns de barro. Premio Nacional de Narrativa en 1997, acadou tamén os premios Fastenrath por La cuadratura del círculo e o Premio da Fundación José Manuel Lara por El cielo raso. Finalmente, en 2006, gaña o Premio Planeta coa obra La fortuna de Matilda Turpin. Membro da Real Academia de la Lengua Española desde 2004, a súa obra literaria foi traducida a múltiples linguas, alemán, francés, inglés, portugués, noruegués, holandés e grego. No seu último libro, publicado neste ano 2024, El exclaustrado, louva o papel que a filosofía desempeñou tanto na súa vida como na súa obra. Sendo o amor o gran tema da súa literatura, esta está impregnada dunha ironía que conforma e determina o seu propio método literario, definido polo propio autor como “psicoloxía-ficción”.

O xurado do Premio Cervantes 2024 destaca a indagación de Pombo na “condición humana desde as perspectivas afectivas e uns sentimentos profundos e contraditorios” ademais da súa “extraordinaria personalidade creadora, a súa lírica singular e a súa orixinal narración”

No segundo andar. Pode visitarse durante o horario de apertura da biblioteca.