Biodiversidade de Galicia

Imaxe
02 de Novembro - 15 de Decembro 2026, 8:30 - 21:00
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Mostra bibliográfica

Novembro é o Mes da Ciencia en galego. Desde que a UNESCO declarou en 2001 o día 10 deste mes como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento son moitas as actividades e eventos que se organizan en todo o mundo co fin de achegar o coñecemento científico ao público en xeral, reducindo a evidente fenda que existe entre a sociedade e esta disciplina.

Por este motivo, na Biblioteca Ánxel Casal sumámonos a esta celebración, tentando dar a coñecer o noso fondo de carácter divulgativo e dedicado ás ciencias, ás veces pouco coñecido.

Nesta ocasión, achegámonos aos estudos dedicados á natureza galega e as súas especies, presentando a mostra Biodiversidade de Galicia. Nela atoparás publicacións onde descubrirás os distintos ecosistemas galegos e os seus habitantes, a súa flora e fauna, chegando ata os seres máis microscópicos e as súas curiosidades. Visita nos libros a riqueza dos nosos medios mariños, un dos máis diversos de Europa, tanto en animais como en plantas e algas. Coñece o bosque atlántico, cun ecosistema marcado polas choivas abundantes e regulares do noso clima, e o valor paisaxístico dos nosos espazos protexidos. Consulta tamén as breves guías de nomenclatura de flora e fauna, todas elas ilustradas, e coñece os nomes e imaxes da vexetación e dos animais que te rodean, as denominacións das distintas árbores, plantas, liques, fungos, peixes, aves ou mamíferos diversos...

Se che interesa este tema, ven á terceira planta do 2 de novembro ao 15 de decembro no horario de apertura da biblioteca.