Da boca da Literatura. Manuel Rivas, Premio Nacional de las Letras Españolas 2024

Imaxe
18 de Novembro 2024 - 07 de Xaneiro 2025, 8:30 - 21:00
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Mostra bibliográfica

Manuel Rivas, coruñés de Monte Alto, fillo de leiteira e albanel, narrador, poeta e ensaísta, é o Premio Nacional das Letras deste ano 2024.

Comezou a publicar moi novo no diario El Ideal Gallego, e tras finalizar o bacharelato, estudou Ciencias da Información en Madrid, onde se uniu ao grupo “Loia” xunto con outros galegos, como o poeta Lois Pereiro, en cuxo entorno comeza a fraguarse a súa escrita.

En 1979 escribe o seu primeiro poemario, Libro de Entroido, e en 1985 publica a súa primeira novela, Todo ben. Pero a obra que o dá a coñecer definitivamente é Un millón de vacas, publicada en 1990, conxunto de relatos que mostra algúns dos temas perennes na súa obra, a natureza, a paisaxe e as xentes que a ocupan.

En 1995 recibe o Premio Torrente Ballester e o Nacional de Narrativa 1996 por Que me queres amor? E en 1998 outorganlle o Premio de la Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega e Premio Arcebispo Xoán de San Clemente por O lapis do carpinteiro, novela que amosa outro do seus temas recorrentes, a Segunda República e o Golpe de estado de 1936. A mesma obra recibiu no ano 2001 o Premio 50 Aniversario da sección belga de Amnistía Internacional.



En 2006 foi Premio de la Crítica Española e en 2007 Premio da Crítica de Galicia por Os libros arden mal, tamén sobre os inicios da guerra civil e as consecuencias dun tempo sombrío para todo o país.

O xurado do Premio Nacional das Letras Españolas destaca na obra de Rivas “a extraordinaria calidade narrativa que liga, forza emocional e beleza formal e pola solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega. Poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron alcanzar tal recoñecemento a nivel mundial.”

E segue dicindo que Rivas “acompaña o seu activismo, cunha pluma que, sen adoutrinamento, axita conciencias, induce á reflexión e estimula o pensamento cara á defensa da pluralidade lingüística e cultural e cara á igualdade de xénero.”

Membro da Real Academia Gallega, na que ingresou o 12 de decembro de 2009, a súa obra está traducida a múltiples idiomas, acadando numerosos premios na súa faceta literaria e xornalística. Rivas ten unha importante presenza nos medios galegos e españois, tanto como columnista no xornal El Pais, ou en La Voz de Galicia,  como na dirección de cabeceiras como a da revista Luzes, fundada en 2013.

A mostra bibliográfica pode visitarse no 2º andar da biblioteca durante o horario de apertura.