Unha árbore de historias: cen anos de literatura infantil e xuvenil en galego

Imaxe
02 - 30 de Abril 2024, 8:30 - 21:00
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Exposición organizada pola Biblioteca de Galicia

A biblioteca acolle esta exposición organizada pola Biblioteca de Galicia e comisariada pola especialista en literatura infantil e xuvenil Montse Pena Presas.

Estás a piques de entrar nunha fraga, nunha fraga chea de libros. O que vas poder ver con detemento é unha das moitas árbores que hai nela. Quizais sexa a árbore iniciática, coa que comezou todo. Nela hai por volta cen libros que queremos compartir contigo porque simbolizan a evolución da literatura infantil e xuvenil galega. Os que aparecen aquí quixeran ser un convite a coñecer mellor a nosa historia, pero tamén unha ponte que nos leve cara a lectura doutras obras.

Tanto ten que sexas unha nena, un bibliotecario, unha mestra ou un mozo. Aquí hai historias para todas as persoas, porque está a nosa memoria cultural en forma de obras infantís e xuvenís. O percorrido comeza nos anos vinte, cos primeiros contos que se escribiron e, simbolicamente, faino tamén coa revista infantil As Roladas (1922), impulsada por Ramón Cabanillas, que se ben tivo unha duración moi escasa, sintetiza unha das preocupacións das xentes das Irmandades da Fala: educar á infancia e facelo en galego. A partir de aí, seguimos visitando diferentes épocas e xéneros literarios, reencontrándonos en ocasións con vellos coñecidos e descubrindo algún tesouro en forma de palabras que nos vai sorprender. Mais sobre todo, sendo conscientes de que a nosa literatura infantil e xuvenil foi unha árbore labrada con cicel, un esforzo colectivo que ocupou a moitas autoras, editores, ilustradores e persoas mediadoras. Todas elas estaban convencidas que a rapazada galega merecía palabras e imaxes de calidade coas que medrar, sempre indo da man dos tempos.

Ao introducirte nesta fraga vas atopar de todo: personaxes que coñeces, pero que non agardabas ver; viñetas que nos apreixan coa intriga, versos que quedaron pendurados en algures; acoutacións que lembran a fermosura das palabras cando son pronunciadas en voz alta; e por suposto, ilustracións que levamos no corazón. Lembra que mentres unhas sigan creando, outros seguirán lendo, polo que esta árbore non ha secar nunca.

Pode visitarse do 2 ao 30 de abril no vestíbulo en horario de apertura da biblioteca.