O VI Premio á Innovación Bibliotecaria distingue os mellores proxectos levados a cabo nas bibliotecas e axencias de lectura municipais, valorando o seu traballo á hora de crear e fidelizar lectores, así como para impulsar accións orixinais que contribúan a reforzar as competencias lectoras e dixitais da cidadanía.
Vai dirixido aos concellos que sexan titulares de bibliotecas ou de axencias de lectura públicas integradas na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia e premia proxectos ou boas prácticas relacionados co fomento da lectura, a aprendizaxe ao longo da vida e a adquisición de competencias dixitais, a posta en funcionamento de novos servizos ou a redefinición dos existentes e a difusión da biblioteca e dos seus servizos. Todos eles deben orientarse a buscar resultados positivos e ser axeitados ao contexto local, ademais de innovadores e sostibles no tempo.
Establécense dúas categorías, unha para municipios de ata 10.000 habitantes e outra para concellos cunha poboación superior, dotados cun premio de 3.000 euros cada unha, así como un distintivo de biblioteca innovadora que os centros gañadores poden colocar nun lugar visible da biblioteca, no seu blog, páxina web ou outros recursos dixitais. As diferentes entidades poden concorrer tanto de xeito individual como agrupado. A participación cidadá, cohesión social e atención á diversidade, a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero, e, en xeral, a contribución aos obxectivos da Axenda 2030 anteriores son outros dos eidos nos que se enmarcaron as candidaturas desta convocatoria.
Os galardóns de ambas as dúas categorías foron entregados o 30 de outubro de 2023, no marco da 5ª Xornada de Bibliotecas Públicas, celebrada na Cidade da Cultura, e recoñeceron os seguintes proxectos:
1. Na categoría de entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes: Colaborando co cole: biblioteca para tod@s, da Biblioteca Pública Municipal de Cenlle
A comisión avaliadora tivo en conta a capacidade amosada para impulsar e dinamizar a apertura da biblioteca, deseñando un conxunto de actividades organizado, estruturado e coherente de cara á posta en funcionamento deste servizo, que lle permitiu obter un gran éxito de público nos primeiros meses desde a apertura. A comisión tamén valorou positivamente a dimensión social deste proxecto, por unha banda, o esforzo activo en conseguir a participación daqueles nenos e nenas que, pola súa situación familiar, orixe, lugar de residencia, falta de recursos ou outras circunstancias, tiñan máis dificultades para facer uso da biblioteca de xeito individual. E, en segundo lugar, o seu compromiso coa conciliación familiar, adaptando o horario das actividades ao horario escolar e incorporando o servizo de recollida dos nenos e nenas á saída do colexio. Saliéntase tamén o elevado grao de implicación da comunidade educativa, a través do deseño de varias estratexias de colaboración coas mestras e cos mestres.
2. Na categoría de entidades locais cunha poboación de máis de 10.000 habitantes: Club de lectura da historia de Betanzos da Biblioteca Pública Municipal Alfonso Castelao de Betanzos
Valorouse a capacidade de innovación da biblioteca a través dun proxecto baseado en crear alianzas estratéxicas, empregar mediadores e tecer redes de colaboración con entidades sociais.
A través dunha actividade aparentemente tradicional como é un club de lectura, reoriéntase a novos destinatarios que xeralmente nin participan nin teñen posibilidade de participar en iniciativas culturais, cámbiase completamente o sistema de difusión cara ao contacto persoal e redefínese o funcionamento interno no club, as súas lecturas combinadas con outro tipo de actividades sociais e formativas e prácticas para os/as participantes e a comunidade en xeral. Desta forma conséguese chegar a persoas con especiais necesidades de socialización e integración comunitaria (persoas maiores en situación de soidade non desexada, estranxeiras, con discapacidade); promóvense as súas relacións interxeracionais, a súa participación activa na vida cultural e a súa valorización social, contribuíndo así ao seu benestar físico, mental e emocional, así como á recuperación e divulgación da cultura local.